• A Asociación Cultural e Xuvenil A Eira e o Concello de Valga promoven unha campaña de reciclaxe de móbiles.
“Mobilízate pola selva” é unha actividade que se realiza en colaboración co CEIDA e co Instituto Jane Goodall e estase a desenvolver en distintos puntos de Galicia.
Imaxe da novidade
O Concello de Valga, sumouse á campaña Mobilízate pola selva, do Instituto Jane Goodall (IJG), que conta en Galicia coa colaboración do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e Caixa Galicia, e que consiste na recompilación de móbiles para a súa reciclaxe co fin de protexer os ecosistemas africanos.

Os veciños que queiran participar nesta iniciativa poden depositar o seu móbil en desuso (en funcionamento ou non) no punto de recollida habilitado polo concello e que está situado no Auditorio Muncipal ou nas dependencias do concello de Valga, entre os días 1 de decembro e 31 de xaneiro. O teléfono deberase entregar coa batería pero sen o cargador, sen a tarxeta SIM e ningún outro elemento.
Na actualidade, a taxa de reciclaxe de móbiles é inferior ao 5% e, por outra banda, tan só en España existen máis de 52 millóns de liñas telefónicas. A este número hai que engadir todos aqueles aparatos que se cambian e que os cidadáns gardan ou tiran ao lixo. Toda esta cantidade de teléfonos, xunto con outras tecnoloxías como os ordenadores ou as consolas, fabrícanse con coltán. Este é un mineral que se extrae na República Democrática do Congo con man de obra semiescravizada onde, ademais, se destrúen os hábitats de moitas especies africanas tales como os chimpancés e os gorilas.
A reciclaxe de móbiles axuda a reducir a demanda dos seus compoñentes, entre eles o coltán, e a tratar adecuadamente os materiais tóxicos evitando así a degradación do medio ambiente. Fonebank, a entidade que trata a reciclaxe dos móbiles, aportara unha parte do valor dos terminais ao Instituto Jane Goodall; polo que esta iniciativa axuda a recadar fondos para os programas de educación e de conservación no Congo, como o que esta levando a cabo o Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga.
Mobilízate pola selva é unha campaña que se está a desenvolver por distintos puntos de toda Galicia (concellos, centros educativos, entidades bancarias,…) e que se puxo en marcha no pasado mes de setembro tras a sinatura dun convenio de colaboración entre CEIDA e o Instituto Jane Goodall. O IJG fundouse en 1977 pola afamada primatóloga e naturista inglesa Jane Goodall, que visitou Galicia o pasado mes de maio. O IJG, implantado en trinta países do mundo, leva a cabo diferentes programas de investigación e conservación en África, destacando o Parque Nacional de Gombe en Tanzania, o Centro de Recuperación e Reserva de Tchimpounga (República do Congo), o santuario de Ngamba Island (Uganda) e outros en Guinea, Senegal, Gabón e Sudáfrica. O IJG implica á poboación local para desenvolver os seus proxectos.